Duck Hunt inspira un xogo de realidade virtual

luns, 4 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O xogo Duck Hunt é todo un clásico que destacaba na primeira consola Nintendo (NES) por facer uso dunha light gun, ou sexa, dunha pistola que funcionaba apuntándose ao televisor, o que era toda unha revolución no mundo dos videoxogos, aínda que a meirande parte dos usuarios lembran o xogo por un dos seus elementos máis carismáticos: o can de caza, que cando o usuario erraba os tiros ría del (e que incluso recuperouse hai un par de anos como personaxe para o Super Smash Bros., contando incluso coa súa figura amiibo).
Nótase que este título quedou gravado na memoria de moitos xogadores, pois incluso incitou aos desenvolvedores de Stress Level Zero para preparar un videoxogos de realidade virtual chamado Duck Season e que verá a luz o vindeiro día 14. Este título devolve ao xogador á infancia, situándoo no verán de 1988, cando a nai do protagonista aluga un xogo para a súa consola, que ten algo especial, transportando ao cativo a unha historia de terror, contando con 7 finais diferentes, 7 mini-xogos integrados na consola doméstica, ducias de segredos agochados, contornos de realidade virtual realistas, numerosas películas gravadas en cintas VHS e varias tramas misteriosas adicionais.
Resulta bastante curioso ver como un clásico xogo de caza remata inspirando unha historia de terror en realidade virtual, no que podemos rememorar o Duck Hunt cun mini-xogo de caza con gráficos realistas, pero cun can de caza bastante diferente, xa que estará encarnado por unha persoa disfrazada de mascota, que será un elemento chave para seguir as distintas liñas argumentais. Unha partida pode ofrecer uns 90 minutos de xogo, pero se exploramos todas as combinacións narrativas poderiamos ter unhas 4 horas totais de xogo.
É inevitable pensar que Duck Season podería converterse no equivalente nos xogos de realidade virtual da serie Stranger Things de Netflix, polo seu uso da nostalxia e do terror como unha combinación para meter no peto ao público que era cativo nos anos 80.

Vídeo promocional de Duck Season

PUBLICIDADE