Dragon Ball Legends estrea versión para Android en Europa

mércores, 23 de maio do 2018 Marcus Fernández

As Bolas Máxicas ten un novo videoxogo móbil, Dragon Ball Legends, que dende esta semana pode descargarse de balde na súa versión para Android, mentres que os usuarios de iOS deberán agardar ao 14 de xuño para chantarlle o dente a tan curioso produto, que vén a ser un xogo de loita de 1 contra 1 en escenarios tridimensionais no que participan numerosos personaxes da serie televisiva e que pode manexarse con só un dedo.
En contraste con outros xogos de loita, neste caso non temos que controlar aos loitadores en tempo real, senón que encadearemos ataques xestionando enerxía e empregando naipes, podendo así tanto avanzar a través dunha historia orixinal (na que participa o misterioso superguerreiro Shallot, creado por Akira Toriyama) ou participando en combates en liña contra xogadores de todo o mundo (aínda que polo momento o xogo só está dispoñible en EE.UU. e Europa, xa que está a lanzarse internacionalmente de xeito progresivo).
Cómpre destacar que estamos ante un xogo con compras integradas e cun uso intensivo de datos, pois aínda que a aplicación só ocupa 47 MB, tras a súa instalación solicita a descarga de 382 MB para completarse (aínda que tal descarga pode fragmentarse) e en numerosas ocasións o xogo conéctase aos seus servidores para descargar máis datos, de aí que os seus responsables recomenden xogar a través de conexións Wi-Fi.

No xogo haberá que empregar naipes para lanzar diferentes ataques

Vídeo de introdución do xogo

PUBLICIDADE