Dragon Ball FighterZ promete ser o xogo que os seareiros de Son Goku estaban esperando

luns, 12 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A serie de televisión As Bolas Máxicas leva dende mediados dos anos 80 contando con adaptacións en forma de videoxogos con mellor ou peor fortuna, sendo unha das franquías con máis títulos e décadas en activo, e aínda que antes de cada lanzamento podemos levar a impresión de que por fin teremos o xogo de Dragon Ball definitivo, nos últimos anos as decepcións foron moitas, pero durante esta edición do E3 parece que Bandai Namco vai redimirse con Dragon Ball FighterZ, xogo que en 2018 teremos para PlayStation 4, Xbox One e PC, que recuperará os combates en dúas dimensións cuns gráficos impresionantes que por momentos darannos a impresión de estar a ver a serie de televisión na que se basea o xogo na súa remasterización en alta definición.
Dragon Ball FighterZ está a ser desenvolvido por Arc System Works, un estudio con experiencia en xogos de loita en 2D (como as sagas Guilty Gear e BlazBlue), de aí que sexa moita a confianza que hai depositada neste título que conta cuns gráficos baseado en modelos de personaxe en 3D cos que conseguen recrear a aparencia do anime con grande fidelidade, mentres que nas súas mecánicas de xogo ofrecerán batallas de 3 contra 3.
O pouco que deixaron de ver do xogo no E3 puxo a todos os amantes das aventuras de Son Goku cos dentes longos, e agora só resta agardar a que Dragon Ball FighterZ desenvolva unha beta pechada para Xbox One e PS4 antes do remate do verán, cando poderemos ter unha mellor idea do que achegará esta produción que será unha realidade a primeiros de 2018.

Vídeo de presentación de Dragon Ball FighterZ

PUBLICIDADE