Dragon Ball FighterZ chegará ás tendas o 26 de xaneiro

luns, 23 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O que probablemente é o xogo da franquía de As Bolas Máxicas máis anticipado e esperado de todos os tempos, Dragon Ball FighterZ, por fin ten data de lanzamento, e Bandai Namco anunciou que chegará ás tendas o 26 de xaneiro de 2018, de xeito que os seareiros das aventuras de Son Goku e os seus amigos non terán que esperar moito para poder gozar deste título de loita por equipos (de 3 contra 3) con gráficos en dúas dimensións capaces de rivalizar cos debuxos da serie de televisión orixinal (e superar sobradamente os da serie de televisión actual).
Este novo xogo de loita está xa dispoñible en reserva para Xbox One, PlayStation 4 e PC, prometendo uns gráficos espectaculares e unhas mecánicas de xogo doadas de aprender (pero difícil de dominar), xogo en liña e unha grande novidade para os seareiros do universo creado por Akira Toriyama, xa que incluirá un modo historia no que descubriremos a un personaxe inédito: a Android nº 21 (da que Toriyama supervisou a súa creación).
Os usuarios que reserven o xogo poderán gozar de acceso anticipado á beta aberta que celebrará o xogo en xaneiro, para facilitar a posta a punto dos servidores e permitir que os potenciais compradores poidan probar o título antes do seu lanzamento definitivo.
Dragon Ball FighterZ tamén adopta a estratexia doutros xogos de loita, e ofrécese como xogo independente e nun par de lotes máis incluíndo máis contidos, de xeito que a FighterZ Edition incluirá o FighterZ Pass, que incorpora 8 novos e poderosos personaxes ao elenco; mentres que a Ultimate Edition inclúe tamén o Anime Music Pack (con 11 cancións da serie de animación) e o Commentator Voice Pack (que supomos que incorpora as voces do senlleiro comentarista que narraba os combates dos torneos de artes marciais da serie de animación).

O xogo permitiranos rememorar grandes combates da serie de animación cun nivel de detalle que incluso chega a superar o nivel gráfico da serie de animación orixinal

PUBLICIDADE