Dous investigadores da USC amosan os seus traballos perante medio milleiro de Cidades Intelixentes

luns, 30 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

O investigador da Universidade de Santiago Celestino García no evento internacional celebrado en Barcelona

Dous investigadores da Universidade de Santiago veñen de presentar no Congreso Mundial de Cidades Intelixentes (Barcelona) un traballo sobre o potencial das tecnoloxías smart para garantir a sustentabilidade e a calidade de vida nos espazos urbanos do futuro. Trátase, por unha banda, do profesor da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais Celestino García Arias e, pola outra, do doutorando en Ciencia Política e consultor Benjamín Augusto López Rodríguez, membros do grupo Isópolis, especializado en investigación social e políticas públicas.
Segundo informa a Universidade de Santiago, os dous investigadores foron seleccionados polo comité científico do Smart City Expo World Congress, case con seguridade un dos congresos sobre Cidades Intelixentes máis referenciais do mundo, para presentar o seu traballo Avaliación do deseño de indicadores en rankings de Smart Cities. Neste congreso, que tivo lugar entre o 17 e o 19 de novembro en Barcelona, participaron expertos procedentes de todos os recantos do mundo coa arela común de compartir coñecemento e recursos acerca do desenvolvemento urbano e das posibilidades que achegan as novas tecnoloxías da información para que aquel sexa o máis sustentábel, eficaz, rendíbel e respectuoso co medio posíbel.
Segundo explica a USC, Celestino García e Benjamín López salientaron na súa investigación “a necesidade de abordar unha conceptualización do termo razoada e exhaustiva”. Para isto, debullaron a metodoloxía das principais clasificacións internacionais que sitúan as cidades como Smart Cities: aquilo que as define. Ante isto, os investigadores explican que “ante a tendencia global de aumento e concentración da poboación nas cidades, a Cidade Intelixente xorde como unha oportunidade de xestión e planificación urbana capaz de dar resposta aos novos retos a través do uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”. O seu traballo abrangue tamén o resultado dos seus estudos sobre diferentes sistemas de indicadores de rankings que se refiren de maneira concreta a Smart Cities . Con isto, quixeron amosar entre outras cousas os erros máis espallados que comités de normalización de Cidades Intelixentes en países europeos deben evitar “á hora de fixar un estándar como política pública”.
Segundo conclúe a Universidade de Santiago, a intervención dos seus representantes no congreso internacional serviu “para dar a coñecer o intenso traballo de investigación que neste eido se desenvolve nos Campus de Compostela e Lugo”. Na cita deste ano contouse coa meirande participación internacional da historia do evento: medio milleiro de cidades dos cinco continentes.

PUBLICIDADE