Double Dragon Trilogy chegará a PC a semana que vén

venres, 9 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

DotEmu anunciou hoxe que o vindeiro día 15 editará a través de varias plataformas dixitais de distribución (Steam, GOG e Amazon) a versión para PC de Double Dragon Trilogy, recuperación dos xogos de Double Dragon que chegaran ás máquinas recreativas e que hai pouco máis dun ano publicaronse para iOS e Android.
Este título recollerá os xogos Double Dragon, Double Dragon 2: The Revenge e Double Dragon 3: The Rosetta Stone. Lembremos que estamos ante auténticos referentes do xénero dos beat’em up, que comezaba cos irmáns Billy e Jimmy enfrontándose ao Black Shadows Gang para rescatar á moza do primeiro. Patadas, puñados ou golpes cos xeonllos ou a cabeza seráns os principais recursos para percorrer unha serie de fases até rescatar á moza en apuros instando aos xogadores a participar no seu modo cooperativo (dous xogadores loitando á vez para desfacerse dos malvados con máis eficacia).
O xogo contará con 2 modos: arcade (xogando de principio a fin, competindo pola mellor puntuación posible) e historia (desbloqueando novos escenarios e logros segundo se progresa no xogo). Tamén permite personalizar os seus controis (teclado e mando) o que supón posiblemente o principal atractivo desta versión fronte aos controis virtuais en dispositivos móbiles (que tenden a ser moi incómodos para xogos deste xénero), poderase elixir entre 3 niveis de dificultade, tamén existe a posibilidade de optar entre a banda sonora orixinal de 8 bits ou dunha versión remasterizada, así como poder presentar os gráficos orixinais ou aplicándolle filtros. Para o modo multi-xogador será posible participar en local ou en liña.

O xogo estreou hai pouco máis dun ano versión para dispositivos móbiles

PUBLICIDADE