Double Dragon IV contará con versións para PS4 e PC

luns, 26 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A franquía de xogos de loita Double Dragon, que chegou incluso a ter adaptacións televisiva (cunha serie animada de 26 entregas) e cinematográfica (cun filme protagonizado por Scott Wolf, Mark Dacascos e Alyssa Milano), está de volta, e conservando o seu aire retro no xogo que ousa presentarse como unha secuela chamada Double Dragon IV, que o 30 de xaneiro estreará versión para PlayStation 4 e un día despois chegará a Steam (PC).
Este novo xogo contará cuns gráficos acordes á saga dos anos 80, incluirá novos elementos, modo de xogo para dous usuarios simultáneos, e a garantía de que será fiel ás entregas orixinais, de aí que fichasen para o equipo de desenvolvemento a figuras como o deseñador Koji Ogata ou o compositor Kazunaka Yamane e incluso colocando na dirección ao considerado creador da franquía, Yoshihisa Kishimoto.
Adiantan que o xogo terá un prezo de 800 iens (6,54 euros), aínda que probablemente será un chisco máis caro en Europa, e a esta creación de Arc System Works podemos considerala como unha homenaxe á primeira entrega da saga para celebrar os seus 30 anos.

Vídeo de presentación de Double Dragon IV

PUBLICIDADE