Dota 2 estréase oficialmente

mércores, 10 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Defense of the Ancients (DotA) era unha modificación do xogo Warcraft III que consistía nun mapa que podía xogarse en 2 equipos co obxectivo de destruír o Ancient (devanceiro) dos opoñentes situados en esquinas opostas do mapa. No xogo contrólase un heroe que deberá evolucionar con mecánicas propias dos xogos de rol, e colaborar con outros xogadores do seu equipo para poder derrotar ao bando contrario, fórmula que foi moi replicada, convertendo a DotA nun xénero que goza de grande éxito en torneos que nas últimas horas estreou un novo capítulo da súa historia, pois onte foi o lanzamento oficial de Dota 2, xogo de Valve que vén de rematar o seu logo período de beta.
Os usuarios que non conten coa versión de proba poden agora acudir a Steam para solicitar a descarga do xogo, para recibir un correo electrónico en cando sexa posible a descarga de balde do xogo (que limítase a través dunha cola de descargas para evitar colapsos neste agardado lanzamento).
Dota 2 inclúe un titorial para poder coñecer os elementos básicos do xogo e familiarizarse coa súa mecánica e os seus personaxes, para pasar logo a xogar contra outros usuarios a través da Rede, o que esperan que sexa bastante equilibrado grazas ao matchmaking (que procurará enfrontar só a usuarios con niveis semellantes).
Para garantir o bo funcionamento de Dota 2 os seus responsables están a reforzar a súa infraestrutura de servidores, engadíndolle cada vez máis capacidade en distintas sedes, de xeito que tanto teñen máquinas nos EE.UU., en Luxemburgo ou en Corea do Sur, que coa última ampliación debería ser capaz de aceptar a 450.000 xogadores simultáneos adicionais, o que debería ser suficiente para a fase de lanzamento deste agardado xogo.


Trailer de Dota 2

PUBLICIDADE