Doodle Jump volve a iOS disfrazado de xogo de superheroes

luns, 10 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O primeiro videoxogo de éxito na App Store, Doodle Jump, continúa a estar vivo pese aos seus 5 anos de vida, e agora chega nunha versión personalizada pola Warner Bros. titulada Doodle Jump DC Super Heroes, que mantén a súa mecánica de desprazamento vertical saltando entre as distintas plataformas esquivando inimigos, pero convertendo á criatura protagonista en Batman, e enfrontándoo a xefes finais como o Pingüín, Riddler, o Joker ou Mr. Freeze. Esta aplicación chega cun primeiro episodio de Batman, de xeito que en futuras actualizacións incluirá a novos superheroes do Universo DC.
A mecánica do xogo é moi sinxela, tendo que inclinar o noso dispositivo móbil para desprazar a Batman horizontalmente pola pantalla, podendo premer sobre a mesma para poder disparar para así poder derrotar aos inimigos que van xurdindo. Doodle Jump DC Super Heroes pode descargarse de balde, e inclúe pagamentos dentro da aplicación para, por exemplo, poder continuar unha partida sen ter que volver ao comezo cando morremos accidentalmente, o que nalgún caso tamén pode facerse mediante o pagamento en especie (como vendo un vídeo promocional doutro videoxogo).

PUBLICIDADE