Divulgacion360.com recolle novas actividades científicas e de innovación xeradas no noso país

luns, 24 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Co principal obxectivo de crear unha estrutura estable para a difusión e potenciamento da divulgación da ciencia e a I+D+i en Galicia, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Economía e Industria creou o portal Divulgacion360.org, onde aglutina, unifica e coordina nun espazo único toda a oferta de actividades e divulgación da ciencia e a I+D+i xestada no noso país.
Entre outras cousas, esta web atende as demandas das persoas e entidades que traballan no ámbito da divulgación en Galicia e tamén, como non, ao público en xeral interesado nas actividades que se desenvolven na nosa Comunidade en torno a esta temática.
Asemade, a web persegue o fomento e a participación colectiva de maneira que abranga os 360 graos da comunicación e divulgación da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.
A finalidade última é dar unha maior coherencia ás actividades que se desenvolven en Galicia, así como unificar criterios, mellorar a difusión e aumentar a eficiencia na execución das accións, compartindo materiais, produtos e ideas, e en definitiva, mellorando a calidade das accións a través dunha maior comunicación entre as entidades e entre estas e o público.
É por isto que a entidade solicita a participación da sociedade galega, e anima a entrar na web para consultar a axenda de actividades ou aportar as súas propias sugerencias.
Agora mesmo a Axenda recolle varias actividades de divulgación científica entre as que destacan Expociencia Guillelme Brown, dirixida a estudantes da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, ou a divulgativa Con A de Astrónomas, dirixida ao público xeral interesado na astronomía.
Cabe salientar, asemade, o anuncio da celebración das III Xornadas SINDUR: Da Cidade dixital á Cidade aumentada, que terán lugar o vindeiro xoves, 27 de xaneiro, en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE