Disney+ prepara nova suba de prezos
mércores, 7 de agosto do 2024
As plataformas de streaming seguen a ter serios problemas para atopar a rendibilidade, o que están a solucionar reducindo produción e incrementando prezos, e no caso de Disney+ parece que non lles que con dobrar o prezo en só 4 anos, pois veñen de anunciar que preparan unha nova suba de prezos que se fará efectiva nos EE.UU. o vindeiro 17 de outubro, descoñecéndose polo momento como chegará a España, xa que no noso territorio non pode replicarse directamente (por depender do empaquetado con servizos que non están dispoñibles no noso territorio).
Actualmente o plan básico de Disney+ nos EE.UU. ten un prezo de 7,99 dólares/mes con anuncios e 13,99 dólares/mes sen anuncios (ou 139,99 dólares/ano) e estes prezos pasarían a 9,99 dólares/mes para o plan con anuncios e 15,99 dólares/mes sen anuncios (ou 159,99 dólares/ano). Unha suba de prezo moi considerable, que pode suavizarse coa contratación de paquetes combinados con Hulu.
Disney+ tamén anunciou que o 4 de setembro vai estrear listaxes de reprodución para facilitar o consumo audiovisual desatendido, o que pode resultar especialmente interesante para o contido para o público preescolar, aínda que tamén crearán listaxes de reprodución sobre temáticas de tempada, historias épicas, repasos nostálxicos e outras categorías.
- Novos prezos de Disney+ anunciados nos EE.UU.