Disney+ estréase nos EE.UU.

martes, 12 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A xornada de hoxe foi histórica dentro do mundo das plataformas de vídeo baixo demanda, xa que estreouse Disney+ nos EE.UU., e aínda que a España non chegue até o 31 de marzo, o impacto deste lanzamento está a ser significativo, conseguindo xerar moito máis rebumbio do que o pasado día 1 fixo Apple TV+, plataforma que foi recibida dun xeito moi tépedo, por non contar nin cun bo catálogo de inicio nin cuns títulos de lanzamento que recibisen boas críticas nin conducisen a conversa en redes sociais.
No caso de Disney+ temos unha plataforma moi sólida, que xa comeza cun fondo de catálogo inmenso con producións de Disney, Pixar, Marvel, Star Wars e National Geographic (pretende chegar a ter máis de 500 películas e 7.500 episodios de series de televisión), de xeito que non ten que agardar varios anos para consolidarse como aconteceu con Netflix ou Amazon Prime Video, e precisamente está a ter un grande peso nesta estrea o feito de que chegue coa serie The Mandalorian, ambientada no universo de Star Wars e cun nivel de produción que pode rivalizar con moitas películas cinematográficas, de aí que en poucas horas, e tras un arranque un tanto accidentado (propio de case todos os lanzamentos masivos), xa podemos dicir que hai un novo xigante do streaming, que incluso bota a andar con aplicacións para case todos os sistemas posibles (PS4, Xbox One, Apple TV, Android TV, Fire TV, Chromecast e televisores recentes).
Un detalle tamén a salientar é que filmes como a triloxía orixinal de Star Wars está dispoñible en 4K con Dolby Vision e Dolby Atmos, ou sexa, cunha calidade superior a todas as versións domésticas destas producións (que aínda non se publicaron en Blu-ray 4K), de xeito que esta plataforma contribúe claramente ao abandono dos soportes físicos para os contidos audiovisuais.
Outro dos grandes reclamos de Disney+ é un cambio de estratexia no Universo Marvel Cinematográfico, que acumulou grandes éxitos nas salas cinematográficas, e a partires de agora este universo non se espallará só na pantalla grande, senón que terán grandes series como WandaVision, The Falcon and the Winter Soldier e Loki, na que estarán presentes os mesmos actores que nos filmes de Los Vengadores, de xeito que os que queiran gozar plenamente desta historia terán que subscribirse á plataforma de streaming.

Vídeo no que podemos facernos unha idea dos contidos de Disney+

PUBLICIDADE