Disney Infinity chegará á PS3 no verán

mércores, 16 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Activision revolucionou o mundo dos videoxogos con Skylanders, franquía de xogos que combina software con figuras coleccionables, conseguindo unha magnífica resposta comercial que outros queren imitar, e así Disney Interactive anuncia que para o vindeiro verán vai pór á venda Disney Infinity, xogo exclusivo para PlayStation 3 que ofrecerá un mundo aberto en constante expansión para que os usuarios exploren e personalicen e no que tamén tomarán vida as figuras de personaxes coleccionables que vaiamos conseguindo, converténdose nunha especie de caixa de xoguetes virtual.
En cada aventura os xogadores deberán resolver quebracabezas, loitar contra inimigos e explorar escenarios moi recoñecibles para os seguidores dos filmes da Disney, mentres coleccionan personaxes, vehículos e armas especiais en cada mundo.
Esta nova plataforma contará con 40 pezas interactivas coleccionables, 17 figuras de personaxes de Disney, un portal onde haberá que colocar os elementos físicos para desbloquealos no xogo e uns discos de poder que colocados no devandito portal activarán poderes, armas e outras personalizacións.
Inicialmente Disney Infinity contará con personaxes tanto de Disney como de Pixar, de xeito que poderemos interactuar cos protagonistas de Piratas del Caribe, Los Increibles, Monstruos S.A. ou Cars entre outras, para goce dos cativos fieis a estas aventuras.

Disney Infinity contará con figuras coleccionables na liña de Skylanders


Trailer de Disney Infinity