Disco duro multimedia de Blusens con gravación de TDT e vídeo de alta definición

mércores, 3 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A mediados deste mes chegará ás tendas o disco duro multimedia Blusens T.50, que se venderá en capacidades de 500 Gb, 750 Gb e 1 Tb a prezos que parten dos 279 euros, e que van moito máis aló do que estamos afeitos neste tipo de dispositivos, pois aparte de permitir a reprodución de contidos multimedia almacenados no seu interior tamén pode acceder aos contidos almacenados en tarxetas de memoria (SD, MMC, MS e MS Pro) e memorias USB.
O disco duro da compañía galega tamén ten conectividade Wi-Fi, conta con sintonizadores de Televisión Dixital Terrestre e analóxica e entrada de vídeo dos que pode gravar en formato MPEG-2 .

Folla do produto

Ao Blusens T.50 non lle falta saída HDMI para conectalo a un televisor de alta definición (así como saída de vídeo composto e por compoñentes), sen limitarse a un simple reescalado de vídeos de definición estándar, senón que aparte de reproducir os formatos de vídeo máis comúns (AVI, MP4, MPEG, VOB/IFO e ISO) tamén acepta o contedor Matroshka (MKV) que é moi popular na Internet por permitir a reprodución de vídeos cunha calidade semellante á do Blu-ray (converténdose no equivalente ao DivX para os formatos de alta definición). Tamén permite acceder a ficheiros MP3, WMA, OGG Vorbis, AC3, AAC-MP4, JPEG, BMP, GIF e PNG.
O dispositivo mide 23 x 6,1 x 16,5 centímetros e pesa 1,5 quilos.

PUBLICIDADE