Disco duro en rede de LaCie

xoves, 20 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Os discos duros en rede comezan a ser unha opción cada vez máis interesante para fogares e empresas, e LaCie aproveita o pulo para presentar en España o seu disco duro LaCie Ethernet Disk mini Home Edition, que se conecta directamente a un porto Ethernet de ata 1 Gbps (ou sexa, ó router doméstico, preferiblemente con soporte de Universal Plug and Play) para estar directamente dispoñible para tódolos equipos da rede local, o que o converte nunha ferramenta moi útil para compartir arquivos e tamén coma servidor de ficheiros multimedia. De feito, o dispositivo é compatible con reprodutores UPnP, polo que fai doado o achegamento de fotografías, música e vídeos a través da rede.
Para aproveitar as posibilidades da Internet, o disco duro en rede compleméntase coa web Homelacie, que permite o acceso ós contidos do noso disco dende calquera lugar do mundo, permitindo a creación de cartafoles privados e públicos, o que resulta tamén práctico para poder amosar fotografías ós nosos amigos sen ter que subilas á web.
O disco de LaCie ten unha capacidade de 500 Gb e unha velocidade de rotación de 7.200 rpm, mide 44 x 160 x 173 mm, pesa 1,5 quilogramos e se vende a 239 euros.

PUBLICIDADE