Dinosaurio, mellor webserie galega do ano nos Mestre Mateo

martes, 5 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Finalmente a Academia Galega do Audiovisual entregou o sábado 2 de marzo os seus galardóns anuais, os Premios Mestre Mateo, que xa se poden consultar polo miúdo en PDF e que recoñeceron, novamente, o máis destacado da nosa colleita de 2018 en materia de audiovisual. Nas diferentes categorías houbo diversa presenza TIC, especialmente na categoría de Mellor Serie Web. O xurado, que entregou os seus premios no Palacio da Ópera da Coruña, decantouse finalmente pola webserie Dinosaurio ao abeiro da devandita modalidade.
Nesta modalidade, destinada a enxalzar e mostrar as nosas máis que relevantes contribucións aos contidos online, tamén foron candidatas outras tres importantes producións galegas: As Cousas do Choio, de Román Castaño; Hai vida en Bran?, de Ángela Andrada e Sorrisos Transformadores, de Islandia Producións.
Volvendo a Dinosaurio, lembrar que é unha contribución ao audiovisual en liña nada no seo da última edición do Carballo Interplay, de feito é a primeira produción xurdida deste senlleiro certame bergantiñán. Máis polo miúdo, é o produto de tres días de convivencia e creatividade onde os participantes enfrontáronse ao reto de ideala, gravala e postproducila. A serie, producida por un equipo de máis de vinte novos creadores e creadoras de todos os recunchos do país, foi coordinada por profesionais do mundo das series dixitais e o audiovisual da talla de David Sainz e Teresa Segura, Enrique Lojo, Lucía C. Pan, Jorge Fenda, Óscar Cruz, Anxos Fazáns ou Silvia Fontes.
Polo que atinxe a As Cousas do Choio, é unha serie de éxito que relata o día a día dun personaxe real, Juan O Choio, avó do director, quen nos diferentes capítulos pon en práctica diversas técnicas para afrontar desafíos cotiáns aos que todas e todos deberemos enfrontarnos algún día: como dar cartos ás agachadas ou como escaquearnos dunha comida familiar.
Hai vida en Bran, é unha webserie dirixida, escrita e protagonizada por Ángela Andrada, que obtivo na cuarta edición do devandito certame de Carballo o Premio a proxecto de webserie na nosa lingua. Conta a historia de Mariña, unha licenciada en Belas Artes que, despois de fracasar no seu intento de abrirse paso no mundo do cómic, volve á casa da súa nai “na pequena e aburrida vila de Bran”, segundo se desprende da sinopse, na que tamén se explica que en Bran, sen cartos e en plena crise dos 25, Mariña comeza a traballar na tenda da gasolineira e combate a soidade e o tedio coa creación dun novo cómic inspirado polo seu glam rock do seu idolatrado David Bowie.
Por último, Sorrisos Transformadores é unha webserie documental impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Arelas e desenvolvida e realizada por Islandia Producións. Está composta por oito pezas curtas e foi deseñada como o soporte de vídeo á exposición fotográfica Sorrisos transformadores que, da man da entidade provincial, buscou darlle visibilidade ás persoas transexuais. A obra, dirixida por Óscar Pardo e Noemí Chantada, recolle as testemuñas e as realidades de persoas transexuais, así como de distintos profesionais. Sorrisos transformadores é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que naceu con motivo da celebración do día do orgullo LGTBI de 2016. O obxectivo era “poñer en marcha unha campaña de sensibilización dirixida á sociedade para a prevención de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero”.

PUBLICIDADE