Digi permite contratar televisión por 7 euros/mes
martes, 3 de decembro do 2024
O operador de telecomunicacións Digi, que até o momento centraba os seus servizos na fibra e no móbil, está a ampliar a súa oferta para achegar tamén televisión aos seus clientes por un prezo de 7 euros/mes.
Digi TV achega preto dun cento de canles (coa opción de gozar dos últimos 7 días de emisión) con contidos de cine, series, deportes, documentais, música, informativos... que poderán gozarse mediante un decodificador ou tamén a través da aplicación móbil do servizo (estando previsto que en breve conte tamén con aplicación para televisores de Samsung ou LG, así como cos que utilizan o sistema operativo de Google).
O novo servizo televisivo irase espallando progresivamente pola xeografía española, de xeito que os clientes que desexen contratalo poden indicalo na páxina web da compañía para recibir un aviso cando Digi TV chegue á súa zona.