Diablo Immortal xa está dispoñible para dispositivos móbiles

mércores, 1 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Aínda que a data oficial de lanzamento de Diablo Immortal estaba fixada para o 2 de xuño, o xogo free-to-play de Blizzard Entertainment xa está dispoñible para moitos xogadores nas súas versións para iOS e Android, mentres que para PC pode precargarse.
Este xogo de rol e acción ambientado entre Diablo II: Lord of Destruction e Diablo III somerxe ao xogador nun Santuario fracturado que comeza a recuperarse, polo que haberá que unirse á loita para que a humanidade non sucumba ao mal dos Infernos Abrasadores.
Diablo Immortal é o primeiro título da franquía en adoptar o formato de xogo de rol e acción multixogador masivo, de xeito que permite cazar demos nunha experiencia máis compartida, á vez que tamén ten a facilidade de xogar tanto en dispositivos móbiles como en PC. Permite elixir entre 6 clases, permitindo a súa personalización (ao que tamén contribúe o equipamento que se irá recollendo para facilitar novos estilos de xogo e melloras).
Para poder gozar da progresión cruzada entre ordenador e móbiles é preciso empregar unha conta de Battle.net. Tamén cómpre avisar de que permite compras na aplicación, que consiste na compra de orbes eternos para poder conseguir vantaxes e desbloquear certos elementos, aínda que é posible xogar sen chegar a pagar cartos reais (aínda que a experiencia será algo limitada).
Ao parecer, o modelo de negocio de Diablo Immortal tería impedido a súa comercialización en Bélxica e Países Baixos, territorios nos que hai lexislación contra as caixas de botín e outras mecánicas dos xogos en liña que poidan equipararse a xogos de apostas.

Tráiler de Diablo Immortal

PUBLICIDADE