Diablo III estréase esta noite a nivel mundial

luns, 14 de maio do 2012 Marcus Fernández

Tras unha longa espera, ao pasar as 12 da noite chegará oficialmente o xogo Diablo III, lanzamento que celebrarase de xeito moi especial en numerosas localidades entre as que se atopa Santiago de Compostela, onde abrirá a tenda de GameStop sita na rúa San Pedro de Mezonzo para atender aos máis impacientes que non queiran agardar á mañá para levar unha copia física deste xogo a casa e pode comezar a batalla por Santuario.
Pero como aínda quedan moitos xogadores habituais que non viviron no seu día o fenómeno de Diablo (a anterior entrega chegou ao mercado hai 12 anos), dende Blizzard van permitir gozar deste título de balde con certas limitacións. Falamos da Starter Edition, que permitirá introducirse no primeiro acto de Diablo III ata acadar o nivel 13, podendo competir só con usuarios da mesma edición e sen poder acceder á casa de poxas con cartos reais. Amais, a Starter Edition terá o seu acceso limitado durante os vindeiros 30 días aos usuarios convidados (os códigos de invitación veñen nas edicións físicas de Diablo III, como xeito de animar aos amigos a competir neste xogo de rol de acción), o que minimiza os problemas de conexión aos servidores do xogo, algo habitual tras lanzamentos desta dimensión, que poden xuntar a centos de milleiros de usuarios simultáneos de todo o mundo.
Para dar a coñecer o que ofrece Diablo III tamén podemos ver o seguinte vídeo en español:

O xogo vai ofrecer unha Starter Edition para que os xogadores poidan iniciarse no mesmo de balde
No xogo poderemos elixir entre 5 clases diferentes

PUBLICIDADE