Denuncian as prácticas anti-competitivas de Sony contra Xbox

martes, 28 de marzo do 2023 Marcus Fernández

A adquisición de Activision Blizzard por parte de Microsoft cada vez ten unha menor oposición, e o organismo de competencia do Xapón é a última entidade que non ve problema á operación, pese ás reticencia de Sony, pero a sorpresa agora chega dende EE.UU., onde 11 membros do Congreso non só consideran que a PlayStation non se ve ameazada por Microsoft, senón que incluso están a expresar a súa preocupación polas prácticas empresariais de Sony no Xapón, mercado no que a PlayStation ten o 98% do mercado de consolas de grande potencia, considerando que as prácticas de Sony poderían violar as normas de competencia do Xapón.
Lembremos que, mentres Sony protesta polo feito de que Microsoft poida facerse co control da franquía Call of Duty, está a pagar a compañías como Square Enix para que títulos como Final Fantasy XVI (xogo de grande éxito no Xapón) non conte con versión para Xbox.
Dende os EE.UU. están a ver as prácticas de Sony como un xeito de impedir que as empresas estadounidenses poidan acceder ao mercado dos videoxogos no Xapón, e dende o Congreso estarían a instar á Administración Biden que tomen medidas para evitar os abusos de Sony na competencia entre PlayStation e Xbox no Xapón.

PUBLICIDADE