Dell xa ten en catálogo un monitor 8K de 31,5 polgadas

xoves, 23 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Aínda que os televisores con resolución 4K aínda non son todo o populares do que os fabricantes desexan, no caso de monitores de ordenador aínda son máis raros, de aí que resulte abraiante ver como algúns fabricantes estean a superalos por moito en definición, e así temos como Dell vén de abrir as reservas nos EE.UU. para adquirir a súa nova pantalla UP3218K que conta cun panel de 7.680 x 4.320 píxeles (8K).
Pero sobra dicir que este monitor 8K de 31,5 polgadas que chegará ao mercado o 14 de abril non asusta só pola súa resolución de pantalla, senón tamén polo seu prezo, xa que custará 4.999,99 dólares (4.645 euros).
Esta pantalla tamén coida a fidelidade das cores (conta con Dell PremierColor) o que xunto coa súa resolución consegue un nivel de realismo abraiante, resultado practicamente imposible distinguir os seus píxeles grazas aos 280 puntos por polgada do seu enorme panel.
Para facernos unha idea da cantidade de píxeles que presenta esta pantalla podemos dicir que equivale a 16 pantallas Full HD, e aínda que pode resultar excesivo para usos ordinarios, de seguro que o agradecerán os deseñadores gráficos que poidan permitirse tal portento, e precisamente pensando nese público a pantalla incluso conta coa posibilidade de colocarse en vertical (o que resulta moi práctico, por exemplo, para ter unha visión fiel do resultado final dunha páxina durante a súa maquetación.
Este impresionante monitor IPS ten unha relación de aspecto de 16:9, un brillo de 400 cd/m2, un tempo re resposta de 6 milisegundos, 2 entradas DisplayPort e incluso conectividade USB 3.0.

PUBLICIDADE