Dell presenta un monitor curvo ultrapanorámico de 40 polgadas

martes, 5 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Para labores de produtividade sen ter que contar con solucións de multi-monitor son bastante populares os monitores ultrapanorámicos, pero para a creación multimedia resulta complicado atopar modelos adaptados ás elevadas resolucións coas que se traballa actualmente, de aí que sexa benvido o monitor UltraSharp 40 Curved WUHD (modelo U4021QW) de Dell, que vai presentarse en breve no CES de Las Vegas, e que presume de ser o primeiro monitor curvo de 40 polgadas coa súa resolución (5.120 x 2.160 píxeles).
Esta pantalla está pensada para tirar proveito da multi-tarefa, polo que conta con funcións de PiP, PBP e KVM, contando tamén coa posibilidade de funcionar como un concentrador con Thunderbolt 3 (capaz de achegar até 90 watts, polo que serviría para alimentar un ordenador portátil), Ethernet e USB 10 Gbps.
Está previsto que este monitor chegue ao mercado estadounidense o vindeiro día 28 a un prezo de 2.100 dólares (1.708 euros).

PUBLICIDADE