Dell presenta a súa resposta ao Surface Pro 4

xoves, 8 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Continúa o goteo de ordenadores que van chegar ao mercado no mes de novembro seguindo os pasos do Surface Pro 4 de Microsoft, sendo o seguinte equipo o novo Dell XPS 12, que funciona cun procesador Intel Core M5 de sexta xeración e como característica máis salientable ten unha pantalla de 12,5 polgadas que será Full HD no seu modelo básico, pero que poderá adquirise tamén cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles, de xeito que sería o primeiro 2-en-1 do mercado en integrar unha pantalla 4K.
Estamos ante un ordenador bastante completo, con 8 GB de RAM, 128/256 GB de SSD, gráfica Intel HD 515, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, 3 portos Thunderbolt 3 USB-C (8 veces máis rápidos que o USB 3.0, e que tamén achegarían alimentación, saída de vídeo e conexión de rede empregando o correspondente adaptador), altofalantes estéreo, micrófono dual, teclado retroiluminado de tamaño completo e trackpad de grande precisión. O equipo está integrado nunha carcasa unibody de aliaxe de magnesio que conéctase o seu teclado de xeito magnético.
O seu prezo parte de 999 dólares (con pantalla Full HD, 8 GB de RAM e SSD de 128 GB), mentres que por 1.299 dólares xa podemos optar pola versión con pantalla de ultra alta definición e SSD de 256 GB.

PUBLICIDADE