Dead of Alive 5: Last Round chega a Steam con importantes eivas

luns, 30 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O xogo de loita Dead or Alive 5: Last Round tiña previsto o seu lanzamento en Steam para o 17 de febreiro pasado, pero adiouse até esta semana, agradecendo a espera incluíndo de balde os 28 traxes do lote Halloween 2013, pero cunha mala nova para os amantes desta franquía de xogos de loita: o modo multi-xogador non está dispoñible polo momento, prevéndose a súa chegada mediante unha actualización que prometen que estará dispoñible antes de tres meses.
Dead or Alive 5: Last Round para PC pode mercarse por 39,99 euros (cun desconto do 10% durante as súas primeiras horas á venda) e permite gozar de combates cun elenco de 34 xogadores a través de ricos escenarios interactivos, na liña do que xa podía facerse nas versións para PlayStation 4 e Xbox One, pero con moitas limitacións para estarmos ante un xogo de Steam, xa que carece de personalización dos controis mediante o teclado, carece de logros e tampouco inclúe soporte de Steam Cloud.
Cómpre destacar que as versións de consola do xogo tamén presentaron numerosos problemas, polo que a súa chegada ao PC como un xogo bastante limitado non debería pillar por sorpresa aos usuarios, quedando por ver se coas debidas actualizacións o xogo consegue como mínimo estar á altura das súas versións de consola, pois parece que polo momento tampouco incorporaron as últimas novidades do motor gráfico do título (concretamente se bota en falta o Soft Engine) de aí que hai quen considera que no estado actual teriamos un xogo máis propio da anterior xeración de consolas e suporía certo menosprezo para os xogadores de PC.


Trailer de lanzamento de Dead or Alive 5: Last Round

PUBLICIDADE