Dan a coñecer as especificacións da futura PlayStation 5

mércores, 18 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O luns coñecemos as especificacións técnicas da vindeira xeración de consolas de videoxogos de Microsoft, a Xbox Series X, que segundo un pequeno accidente na páxina web do produto podería ter fixado a súa data de lanzamento no 26 de novembro (Día de Acción de Grazas), aínda que polo momento a data prevista é máis xenérica (outono/inverno de 2020). En vista desta publicación dende Sony non quixeron agardar máis e presentaron oficialmente a que serán as especificacións técnicas da PlayStation 5, sen chegar a amosar o aspecto exterior da consola.
Mark Cerny, arquitecto xefe de sistemas para a PlayStation 5 foi o encargado de presentar as especificacións da nova consola e afondar na arquitectura do seu sistema de hardware e explicar as decisións que levaron a este deseño que responde a moitas das demandas dos xogadores, de xeito que non só teremos unha máquina con grande potencia gráfica senón que tamén, ao igual que a consola de Microsoft, dedicouse especial atención a reducir os tempos de carga para conseguir unha experiencia de xogo moito máis satisfactoria.
A PlayStation 5 terá un procesador AMD Ryzen Zen 2 de 8 núcleos, gráfica AMD Radeon RDNA 2, 16 GB de RAM GDDR6 cun largo de banda de 448GB/s, almacenamento SSD de 825 GB cun largo de banda de lectura de 5,5 GB/s, lector de discos Blu-ray 4K de até 100 GB por disco, compatibilidade con televisores 4K a 120 Hz, con televisores 8K e con VRR (especifacións de HDMI 2.1), así como tamén integrará Tempest 3D AudioTech, tecnoloxía que promete un son moi inmersivo, de xeito que a nosa máquina non só dará un importante salto en gráficos, senón tamén na experiencia sonora, que será máis realista e facilitará que os xogadores perciban dun xeito moi realista os contornos nos que se introduzan virtualmente grazas ao audio 3D.
Outro detalle a salientar é que a PS5 será retrocompatible con PS4, aínda que esta funcionalidade non se aplicará aos máis de 4.000 xogos publicados para PS4 de vez, senón que chegará progresivamente, polo que no lanzamento da PS5 só incluirá un cento de xogos compatibles, o que pode resultar moi frustrante para xogadores que tivesen como intención vender a súa vella PS4 durante a adquisición da PS5 (aproveitando promocións de renove de distintas cadeas comerciais).
Unha vez presentadas as especificacións das dúas grandes consolas que prevén saír á venda a finais de ano temos a constatación do que se viña rumoreando nos últimos meses: a Xbox Series X será máis potente que a PS5. Pero cómpre salientar que, aínda que a máquina de Microsoft teña un procesador máis rápido e unha gráfica de 12 TFLOPS, mentres que a PS5 queda nos 10,28 TFLOPS, dende Sony apostaron por un almacenamento SSD máis rápido e o uso de tecnoloxías que pretenden reducir a distancia de rendemento entre ambas consolas, que na práctica deberían de ter un comportamento moi parello, aínda que iso dependerá máis do software que das especificacións do hardware.
Finalmente serán os xogos os que inclinen a balanza por unha consola ou outra, aínda que desta volta é moi posible que Microsoft saia mellor parada que no pasado, xa que os movementos dos últimos anos apostando por servizos como Xbox Game Pass propiciará que moitos xogadores confíen na nova Xbox como unha solución moi práctica de lecer electrónico, mentres que a PS5 baseará a súa forza comercial na dispoñibilidade de grandes exclusivos como God of War ou The Last of Us.

Vídeo no que Mark Cerny detalla as especificacións da PS5

PUBLICIDADE