DJI renova o seu dron de menos de 250 gramos

mércores, 4 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Hai un ano DJI revolucionou o mercado do drons de consumo presentando do DJI Mavic Mini, dispositivo de menos de 250 gramos de peso, de xeito que a nivel legal non está considerado como un dron (con limitacións para o seu uso preto de persoas ou con esixencias como o rexistro ou a necesidade de licenzas para o seu uso) senón como unha cámara voadora ou mesmo un xoguete.
Aínda que esperábase que os competidores de DJI conseguisen dar pé a toda unha familia de dispositivos dentro deste ámbito, finalmente o fabricante chinés quedou como único expoñente real deste segmento, deixando claro o seu podería tecnolóxico, e para manter tal pulo renovan este produto estreando do DJI Mini 2.
Este novo dron cun prezo de 459 euros na súa versión normal e de 599 euros no lote DJI Mini 2 Vuela Más (que inclúe unha bolsa de transporte, un centro de carga bidireccional e 3 baterías, ideal para os que queiran voar máis dos 31 minutos de autonomía que achega unha única batería.
Dende DJI definen este novo dron como unha FlyCam e manteñen o seu deseño e as súas prestacións principais, de xeito que as súas novidades corresponderían a pequenas melloras como a tecnoloxía de transmisión OcuSync 2.0, que mellora o desempeño do control a distancia, mellorando o seu alcance e estabilidade (de xeito que agora pode manexarse até a un máximo de 10 quilómetros de distancia). Os seus novos motores tamén permítenlle unha boa autonomía e poder soportar ventos de até 39 quilómetros/hora.
O control do DJI Mini 2 tamén segue a ser moi sinxelo, incorpora novas medidas de seguridade (entre as que non falta un sistema de balizas xeolocalizadas para impedir os voos en áreas sensibles como os aeroporto ou incluso un limitador de altitude), aínda que os cambios máis importantes chegarían a nivel de cámara, que agora conta cun sensor de 1/2,3 polgadas capaz de capturar imaxes de 12 Mpíxeles e vídeo 4K a 30 imaxes por segundo cunha compresión de 100 Mbps, salto de resolución que facilitaría o uso do recorte para poder simular que o dron está máis preto dos obxectos que grava (simulando un zoom de 2x sen perda ou de 4x dixital).
Para facer máis doada a gravación de tomas espectaculares o DJI Mini 2 ten movementos pregravados (Dronie, Helix, Rocket, Circle e Boomerang), pode sumar distintas tomas fotográficas para a composición de imaxes máis amplas ou panorámicas e tamén distintos modos fotográficos para adaptarse a diferentes escenarios.
Para facilitar a publicación en redes sociais o DJI Mini 2 pode conectarse directamente a un smartphone sen o mando a distancia, para descargar as imaxes capturadas a unha velocidade de 20 MB/s (unha vez que o dron estea seguro en terra), para poder logo realizar edicións rápidas a través a aplicación DJI Fly. Incluso é posible elixir os momentos da gravación de vídeo que nos interesen antes de descargalos ao móbil, axilizando moito o tempo de transferencia.

Vídeo promocional do DJI Mini 2

PUBLICIDADE