DJI reduce o tamaño das súas cámaras Osmo
mércores, 28 de novembro do 2018
O fabricante de drons DJI aproveitou a tecnoloxía
desenvolvida para estabilizar as cámaras dos seus dispositivos voadores para
facilitar a realización de gravacións de certa calidade coas cámaras con gimbal integrado DJI Osmo, que nestes
tres anos contaron con 2 versións da cámara con estabilizador e outras dúas
versións do modelo que, en vez de integrar cámara, permite empregar a
estabilización coa cámara dun smartphone.
As dúas primeiras cámaras (a DJI Osmo
e DJI Osmo+) levaban un tempo
fóra do mercado, dando a entender que chegaría unha versión renovada en breve,
e finalmente temos a DJI Osmo Pocket,
revisión deste tipo de cámaras que destaca por reducir enormemente o seu tamaño
para poder transportarse no peto, facéndoa moito máis transportable e
facilitando así o seu uso no noso día a día e non só en exclusións e outro tipo
de actividades programadas.
Estamos ante unha cámara que integra o estabilizador portátil mecánico en tres
eixes máis pequeno de DJI, que axústase aos movementos do usuario en tempo real
para facer que os vídeos caseiros teñan un resultado moi profesional. A cámara
do Osmo Pocket incoprora un sensor de 1/2.3”, cun campo de visión de 80 graos e
apertura f/2.0 que pode capturar fotografías de 12 Mpíxeles (incluso en formato
RAW) e vídeo 4K a 60 imaxes por segundo. A súa batería ten unha autonomía de
até 140 minutos, mide 121,9 x 36,9 x 28,6 milímetros e pesa 116 gramos, polo
que o seu transporte e o seu uso cunha soa man resultan cómodos, contando tamén
con funcións intelixentes como ActiveTrack, Motionlapse e Panorámica,
conseguindo así desatar a creatividade do usuario, para o que tamén contribúe a
aplicación DJI Mimo, que consegue dar aos vídeos un toque bastante profesional.
Este atractivo produto pode
mercarse a un prezo de 359 euros aínda que non chegará a mans dos
consumidores até dentro de 2-3 semanas.
Estamos ante un produto que pode resultar práctico para usuarios que queiran
poder gravar vídeo nunha grande variedade de situacións, podendo converterse
tamén nunha grande alternativa a moitas cámaras de acción, con seguindo uns
resultados de grande calidade a través do aproveitamento da estabilización mecánica
de vídeo.
Vídeo de presentación da DJI Osmo Pocket