DJI presenta un novo dron para usos profesionais

luns, 18 de abril do 2016 Marcus Fernández

Mentres o DJI Phantom 4 está a converterse no dron máis popular do mundo como produto de consumo, destacando especialmente por ser o primeiro produto desta categoría en comercializarse a través das tendas de Apple (o que claramente supón un grande pulo para este tipo de trebellos) os usuarios máis esixentes, que queiran producir vídeo profesional, non poden conformarse con pequenas cámaras integradas, e esixen solucións máis robustas, como o novo DJI Matrice 600, presentado estes días co gallo da celebración no NAB Show de Las Vegas, e que ten unha carga útil de 6 quilogramos, de xeito que podería voar, por exemplo, cun estabilizador Ronin-MX e unha cámara RED Epic, conseguindo así resultados profesionais que en combinación co sistema de control de voo A3 e Lightbridge 2 podería empregarse para retransmisións televisivas (solución integrada que pode funcionar até a preto de 5 quilómetros de distancia).
Este impresionante dron ten un prezo de 5.299 euros, e preséntase como unha excelente solución para a fotografía aérea profesional e aplicacións industriais, conservando a facilidade de montaxe e uso dos últimos produtos de DJI, contando tamén con numerosos sensores para favorecer os voos seguros. O dron con 6 rotores aliméntase con 6 unidades de baterías, podendo conseguir até 36 minutos de voo co cámaras lixeiras, o que pode caer até os 16 minutos coa carga máxima; e tamén destaca o feito de que as súas patas poden retraerse durante o voo para que non se colen en certas tomas (facilitando a rotación da cámara en 360 graos).
En vista das elevada prestacións deste dispositivo, estamos ante un produto cun prezo moi contido, aínda que cómpre destacar que o estabilizador Ronin-MX (preciso para cámaras como as RED Epic) ten un prezo bastante elevado (1.799 euros) e precisaría tamén dun accesorio adicional (SRW-60G) para transmisións de vídeo (e que estará dispoñible en breve).

Vídeo de presentación do DJI Matrice 600

PUBLICIDADE