DJI lanza o seu primeiro dron de carreiras

martes, 2 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Aínda que os drons de DJI máis populares están orientados principalmente á captación de fotografías e vídeo, atendendo ás demandas do mercado veñen de pór á venda o DJI FPV, ou sexa, un dron orientado á súa pilotaxe en primeira persoa valéndose dun casco que achega unha experiencia semellante á que tería un piloto manexando unha aeronave dende o seu interior, o que comunmente se coñece como un dron de carreiras.
Este novo dron sae á venda nun lote que custa 1.349 euros e que inclúe o dron cos seus accesorios básicos, o casco que permite visualizar en tempo real o vídeo captado polas cámaras do dron e un mando a distancia ordinario, que ten unha forma moi semellante a un gamepad de calquera consola de videoxogos e para o que tamén hai unha alternativa opcional: o controlador de movementos DJI (que achega unha experiencia de manexo bastante diferente ao que están afeitos os usuarios doutros drons de DJI).
A experiencia de voo inmersivo que consegue o DJI FPV non só serviría para realizar acrobacias e participar en competicións de velocidade, senón que tamén podería servir para producir vídeos impresionantes gravados en 4K a 60 imaxes por segundo (gravados até a 120 Mbps), aínda que cómpre salientar que o casco ofrece imaxes en HD a 120 imaxes por segundo cun campo de visión de 150 graos, de xeito que ofrece unha vista fluída e con calidade dabondo para garantir un uso satisfactorio, prometendo o fabricante unha latencia inferior aos 28 milisegundos, una distancia de transmisión de até 10 quilómetros e unha velocidade de transmisión de vídeo de até 50 Mbps grazas ao uso do sistema de transmisión DJI OcuSync 3.0.
Aínda que o voo manual é o que permite tirar un proveito real do DJI FPV, este dron tamén conta co Modo S, un modo híbrido que combina a liberdade de voar manualmente coas controis intuitivos dos drons DJI; mentres que o Modo N achega aos novatos a posibilidade de gozar dun voo inmersivo con controis de voo tradicionais, pero con funcións de seguridade como a detección de obstáculos. Os máis ousados poder tirar proveito do Modo M, que achega unha experiencia FPV completa, permitindo que o usuario teña un control absoluto e sen límites.
Voar en primeira persoa en modo manual pode intimidar, e por iso o DJI FPV conta cun botón de freo de emexencia e voo estacionario no mando a distancia, de xeito que en calquera modo de voo poderemos deter o dron e realizar voo estacionario en segundos.
Para completar o lote no que se vende o DJI FPV podemos atopar un lote Vuela Más cun par de baterías adicionais e un centro de carga por 279 euros; e tamén o antes mencionado controlador de movementos DJI por 149 euros, engadidos moi interesantes para os que queiran pasar moito tempo gozando do dron ou que queiran probar experiencias de pilotaxe moi intuitivas.

Vídeo de presentación do DJI FPV

PUBLICIDADE