DJI inicia a comercialización de cámaras con obxectivos intercambiables para os seus drons

venres, 11 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos emerxeron con moita forza os drons como sistemas de fotografía aérea económicos e versátiles, sendo bastante habitual equipar a estes dispositivos con cámaras tipo GoPro, permitindo así gozar de imaxes cunha boa resolución sen sobrecargar o vehículo voador, pero o fabricante DJI non quere conformarse coa calidade dunha cámara de acción e presenta unha solución de seu, as cámaras DJI Zenmuse X5 e X5 RAW, que veñen a ser cámaras micro catro terzos en facilitan o uso de obxectivos intercambiables en drons como o DJI Inspire 1.
A cámara Zenmuse X5 RAW incluso permitiría a gravación de vídeo sen perda en ultra alta definición que podería rexistrarse na súa unidade SSD extraíble de 512 GB ou en tarxetas microSD (de até 64 GB), mentres que o modelo básico gravaría con compresión e non incluiría a unidade SSD. Ambas cámaras con capaces de disparar fotografías de 16 Mpíxeles, vídeo de 4.096 x 2.160 píxeles a 24 fotogramas por segundo (o 4K cinematográfico) ou de 3.840 x 2.160 píxeles a 30 ou 25 fotogramas por segundo (o UHD doméstico), sendo posible incluso o seu control dende unha aplicación móbil. Para manter unhas imaxes estables, a cámara conta cun gimbal de 3 eixes.

A cámara pode controlarse a través dunha completa aplicación móbil

A Zenmuse X5 ten unhas dimensións de 120 x 135 x 140 milímetros e un peso total de 526 gramos, mentres que o modelo RAW chegaría até os 583 gramos, peso relativamente moderado para unha solución que permite captar imaxes de calidade profesional, e que conta de grande versatilidade, sendo posible empregar nestas novas cámaras obxectivos da propia DJI, así como outros populares de fabricantes como Panasonic e Olympus.
A cámara Zenmuse X5 parte dun prezo de 1.899 euros (sen obxectivo) aínda que o máis recomendable sería a súa compra con obxectivo (a un prezo de 2.459 euros) ou incluso integrada xa nun dron DJI Inspire 1 (cun prezo total de 4.999 euros).

Vídeo de presentación das cámaras DJI Zenmuse X5

PUBLICIDADE