DJI actualiza a súa cámara estabilizada de peto

martes, 20 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de anos DJI revolucionou o mercado lanzando o DJI Osmo Pocket, unha versión reducida das cámaras estabilizadas da mesma marca, que incluso deu pé a copias descaradas como a Fimi Palm e a Feiyu Pocket, e da que finalmente temos un modelo sucesor, o DJI Pocket 2, que mantén o mesmo factor de forma incorporando melloras na calidade de imaxe e, moi especialmente, de son.
A cámara DJI Pocket 2 cabe perfectamente na man ou no peto, polo que a súa portabilidade é a súa principal virtude, que nesta revisión conta cun sensor de maior tamaño (1/1.7 polgadas) e 64 Mpíxeles capaz de filmar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo con HDR, á vez que tamén ten enfoque automático e estabilización de imaxe de 3 eixes.
A nivel sonoro incorpora a tecnoloxía DJI Matrix Stereo, que permite capturar o son real con grande fidelidade. Tamén inclúe SoundTrack (axusta a dirección do audio cara a onde apunte a cámara), ao empregar o zoom de até 8x permite facer tamén zoom de audio, e tamén conta con tres patróns de gravacións para escoller a direccionalidade que queiramos na captación sonora. Tamén resulta interesante destacar que existe a posibilidade de usar un micrófono sen fíos con esta cámara, facilitando así que unha persoa realice gravacións desasistidas combinado este micrófono coa tecnoloxía de seguimento automático da cámara (ActiveTrack 3.0).
A DJI Pocket 2 conta con modos de gravación como o timelapse, o motionlapse e o hyperlapse; pode disparar fotografías panorámicas; e tamén permite gravar vídeo en cámara lenta Full HD a 120 ou 240 imaxes por segundo (ou sexa 4x ou 8x). A batería da cámara permite empregala até 140 minutos. Tamén pode comunicarse co smartphone para o seu uso como pantalla externa ou incluso para poder realizar retransmisións en directo a través de YouTube, Facebook ou plataformas que acepten o protocolo RTMP.
Outro punto forte importante da DJI Pocket 2 é o elevado número de accesorios dispoñibles, como carcasa impermeable, soporte para teléfono, obxectivo grande angular, filtros de densidade neutra, estoxos de carga, soporte para trípode ou incluso un brazo extensible.
O DJI Pocket 2 sae á venda a un prezo de 369 euros na súa edición básica e a 509 euros con micrófono sen fíos e obxectivo grande angular.

JPEG - 78 KB
A DJI Pocket 2 conta con numerosos accesorios para ampliar as súas posibilidades


Vídeo promocional da cámara DJI Pocket 2

PUBLICIDADE