DIGI estrea fibra na Coruña e Pontevedra

mércores, 23 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O operador de baixo custo DIGI Mobil leva dende hai un par de anos ofrecendo servizo de fibra óptica a prezos moi agresivos, pero cun espallamento xeográfico moi paseniño, que por fin tivo a ben pór o pé en Galicia, de xeito que as provincias da Coruña e Pontevedra estrean cobertura de DIGI, facilitando así o acceso a conexións de fibra simétrica de 50 Mbps a 25 euros/mes ou de 500 Mbps por 30 euros/mes, contando tamén con combinados de fibra e móbil e coa posibilidade de contratar tamén telefonía fixa por dende 1 euro/mes.
A contratación de DIGI pode realizarse nos seus puntos de venda físicos ou a través da Internet, e como fan outros operadores semellantes, o seu servizo conta como principal atractivo unha oferta minimalista que permítelle axustar prezos.
Tamén hai moitos usuarios que teñen criticado o servizo de fibra de DIGI por empregar CG-NAT, tecnoloxía comparte enderezos IP entre varias conexións, o que pode dar problemas, de aí que ofrezan a posibilidade de evitar tal problema contratando unha Conexión Plus por 1 euro/mes.
A cobertura de DIGI para móbil e fibra depende de Movistar, de xeito que a súa oferta habería que comprarala directamente coa de O2, o operador de baixo custo de Telefónica, o que resulta bastante complexo xa que as ofertas de fibra e móbil non coinciden en prestacións e, por exemplo, a oferta principal de O2, con fibra de 600 Mbps, fixo e 25 GB de datos móbiles custaría 50 euros/mes, mentres que con DIGI a fibra de 500 Mbps, fixo e móbil con 24 GB de datos custaría 42 euros/mes, aínda que cómpre advertir de que para poder gozar de DIGI sen ter que pagar a instalación hai que manter a contratación un mínimo de 12 meses.

PUBLICIDADE