DIGI está presente nas 4 provincias galegas

xoves, 22 de abril do 2021 Marcus Fernández

O operador de baixo custo DIGI, que comezou a ofrecer os seus servizos de acceso á Internet por fibra óptica en Madrid en 2018 e chegou a ás provincias da Coruña e Pontevedra en 2020, completou o seu espallamento xeográfico coa súa estrea nas provincias de Huesca, Teruel, Soria, Palencia, León, Zamora, Lugo e Ourense, de xeito que xa presumen de ter cobertura en toda España (o que está bastante lonxe da realidade, xa que a cobertura en cada provincia é parcial). En calquera caso, na súa páxina web teñen un sistema de comprobación de cobertura da súa rede de fibra óptica, polo que en poucos segundos podemos saber se podemos beneficiarnos das súas agresivas ofertas.
DIGI é unha das compañías coas tarifas máis axustadas de España, aínda que cómpre advertir que o seu servizo de Internet fai uso de CG-NAT, o que pode dar problemas para certos usos, aínda que ofrecen a posibilidade de contratar unha Conexión Plus por 1 euro/mes, garantindo así un enderezo IP exclusivo para o acceso á Rede.
A oferta de DIGI achega conexións de fibra simétricas de 300 Mbps por 25 euros/mes e de 1 Gbps por 30 euros/mes, podendo engadir á conexión un teléfono fixo por 1 euro/mes ou un fixo con chamadas ilimitadas e 500 minutos internacionais por 3 euros/mes. A estes contratos é posible agregar até 6 liñas móbiles que parten dos 2 euros/mes.
Actualmente DIGI fai uso da rede móbil e de fibra óptica de Movistar, aínda que sen contar aínda con cobertura de fibra en todo o territorio, o que parece atender a unha estratexia de crecemento controlado.

PUBLICIDADE