Cut the Rope terá versión en formato físico para Nintendo 3DS

xoves, 23 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que podemos ter a percepción de que os xogos para dispositivos móbiles están a prexudicar ás consolas portátiles, existen xogos que percorren o camiño inverso, e tras nacer en Android e iOS publícanse logo en consolas tradicionais, como o divertido Cut the Rope, que pode adquirirse en formato descargable para a Nintendo 3DS, conseguindo unha resposta tan positiva que levou a ZeptoLab a elevar a súa aposta e chegar a un acordo de distribución con Activision para lanzar o vindeiro 28 de marzo en formato físico Cut the Rope: Pack 3 Juegos.
A nova entrega deste xogo de quebracabezas será un recompilatorio con Cut the Rope, Cut the Rope: Experiments e Cut the Rope: Time Travel, de xeito que aglutinará máis de 650 niveis garantindo máis de 50 horas de xogo, o que parece suficiente para compensar a súa adquisición por parte dos afeccionados a este tipo de títulos nos que espremer os miolos para solucionar os retos que nos propoñen.
A franquía de Cut the Rope, sen chegar á altura dos Angry Birds, continúa a ter bastante forza, potenciando a imaxe do pequeno monstro Om Nom, do que podemos atopar bonecos, libros e mesmo xogos tradicionais.


Trailer do novo Cut the Rope para Nintendo 3DS

PUBLICIDADE