Curso de Peritaxes e Informática Forense en Compostela

mércores, 28 de maio do 2008 Raquel Noya

Os vindeiros días -venres 30 e sábado 31 de maio- no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela vaise desenvolver o curso Peritaxes e Informática Forense, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para tódolos colexiados e colexiadas que desexen formarse nesta disciplina de profesión.
O seminario ten como obxectivos que os asistentes adquiran un dominio do funcionamento da xustiza e do seu vocabulario, abondo como para poderse entender e moverse con seguridade así como un coñecemento práctico do que significa facer unha peritaxe xudicial na área da informática.
Entre outros convidados, o programa inclúe a Cristina Nebot, avogada e membro do bufete Pintos&Salgado, que exporá a informática forense dende o punto de vista dos aspectos legais, os informes periciais e as novidades legais en materia de LOPD.
Asemade, o enxeñeiro en informática e perito informático, Eduard Elías, ofrecerá un punto de vista máis práctico ilustrado con casos reais, todos eles vistos dende a perspectiva dun enxeñeiro en informática. Logo da actuación de Elías, os organizadores prevén formar equipos de traballo para levar a cabo casos prácticos así como unha mesa redonda na que participarán os enxeñeiros en informática Eduard Elias, Diego Benítez e Juan Otero para debater sobre o estado das peritaxes informáticas.
O prazo de inscrición para participar neste curso foi pechado debido á elevada demanda do mesmo polo que o CPEIG organizará proximamente outra edición deste curso.

PUBLICIDADE