Criticas a Telefónica por ofrecer mellor servizo en Chile ca en España

xoves, 17 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Segundo informan estes días The Inquirer e ADSLZone, a principal operadora de España semella seguir apostando por unha achega diversa de servizos segundo sexa o país no que se ofertan. Neste caso concreto que nos ocupa, as estratexias de Telefónica que se poñen en comparativa son as postas en marcha en España e Chile, avaliación na que semella que sae gañando o segundo país. Sobre todo porque as condicións achegadas en Chile pola operadora, sinálase nos ditos xornais en liña, son mellores cás que se subministran no seu país de orixe e, asemade, compleméntanse cun convite notorio ao emprego das redes P2P, chamado que dificilmente se vaia escoitar por oídos humanos a curto, medio e longo prazo no mercado español.
Nas ditas páxinas web, que complementan a información con datos sobre as diferentes ofertas que a firma dispensa en países como Reino Unido (8 megas por 10 euros) e Alemaña (4 megas por 21), non se critica a situación de suposto privilexio de Chile cara os servizos de Internet que achega a operadora (en calquera caso, de darse esa mellora, dánselle os parabéns). O que se critica é o reverso da folla: que se esquezan as necesidades e demandas dos clientes españois, para os que a posición de índole dominante se Telefónica “é unha das principais causas de que o país se sitúe no máis baixo de Europa en velocidade de banda larga, calidade de servizo e prezo”, sinálase.

PUBLICIDADE