Creative Zen Stone, un duro rival para o iPod Shuffle de Apple

xoves, 3 de maio do 2007 Raquel Noya

Máis vale tarde que nunca” é unha expresión que sempre me están a repetir os meus avós e agora a experiencia amósame que máis acertado non se pode estar cando se emprega, coma nesta ocasión, na que Creative (por fin, aínda que un pouco a destempo) vén de lanzar ó mercado un dispositivo que compite co iPod Shuffle de Apple. Trátase dun reprodutor sen pantalla con 1 XB de capacidade e cunhas características moi semellantes ó seu competidor máis directo.
O Creative Zen Stone é dun tamaño moi reducido a ademais de soportar ficheiros en formato MP3, WMA e WAV, sen necesidade de empregar ningún programa especial para copiar as cancións, a autonomía da súa batería é de 10 horas.
O seu prezo é competitivo de abondo como para ofrecer resistencia ó reprodutor de Apple, xa que non chega ós 40 dólares, unha cifra que, dende logo, lle saca unha boa vantaxe sen deixar de lado as prestacións.
O dispositivo sae ó mercado acompañado de varios accesorios como un soporte para empregalo como chaveiro, por 12,99 dólares, un dispositivo para levalo no brazo, por 15,99 dólares, ou o TravelSound Zen Stone, uns altofalantes cunha autonomía de 20 horas con dúas pilas de tipo AAA que custan 39,99 dólares.
Conseguirá o Creative Zen Stone desbancar ó Shuffle? O certo é que calidades non lle faltan pero haberá que agardar a que o tempo nos dea a razón para reafírmanos no de que “mais vale tarde que nunca”.

PUBLICIDADE