Crean unha certificación para os televisores 8K

xoves, 2 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Os fabricantes de televisores queren introducir nos mercados numerosos modelos con resolución 8K, e para pór certa orde está a 8K Association (8KA), consorcio que anuncia un programa de certificación, de xeito que confían en que ao longo deste ano os principais fabricantes de electrónica de consumo coloque o logotipo desta certificación nos televisores 8K que poñan á venda ao longo de 2020. Esta especificación esixe unha resolución de vídeo de 7.680 x 4.320 píxeles, un brillo superior aos 600 nits, HDMI 2.1 e soporte de codificadores de vídeo de alta eficiencia (HEVC).
Pero a 8KA non quere limitarse a este programa de certificación, senón que tamén procurará a colaboración entre os distintos axentes para facilitar a adopción de tecnoloxías de streaming eficiente en 8K, emprender iniciativas que acheguen aos consumidores contidos de alta calidade que promovan o ecosistema 8K e crear contidos que sirvan de promoción das posibilidades do 8K.
Polo momento a 8KA está composta polos 5 meirandes fabricantes de paneis de televisores, sendo o primeiro en saír á palestra Samsung, que asegura que os seus televisores QLED 8K serán os primeiros certificados pola 8KA. A vindeira semana, no marco do CES de Las Vegas, espérase ver varios dos televisores 8K de Samsung, entre os que destacaría un televisor practicamente sen marcos, seguindo a liña que perseguen os fabricantes nos últimos anos.

PUBLICIDADE