Unha aplicación galega para a xeolocalización avanzada de persoas e obxectos

luns, 9 de xullo do 2012 Raquel Noya

A firma galega Teixuapps, especializada no desenvolvemento de aplicacións móbiles e plataformas tecnolóxicas de utilidade para a cidadanía, está a traballar nunha ferramenta de xeolocalización móbil que permite dar conta, en tempo real, da situación de persoas e obxectos que non queremos perder de vista no caso de aglomeracións.
Falamos de Findme3, un proxecto ideado especificamente para proxenitores interesados en ter localizados aos seus fillos e fillas de xeito doado, a fin de prever sustos non desexados, por exemplo, en praias ou centros comerciais.
Porén, polas súas características, a ferramenta tamén resulta de utilidade para ter localizadas mascotas, vehículos, ordenadores portátiles, bolsos e todo tipo de obxectos de valor que poden resultar atractivos para os amigos do alleo.
O sistema consiste nun dispositivo emisor dun sinal sen fíos, baseado no protocolo de comunicación Bluetooth 4.0 de baixo consumo enerxético que, polo seu reducido tamaño, pode ser aplicado como un parche para a pel. O receptor deste sinal, pola súa banda, pode ser calquera smartphone que teña instalada a aplicación.
Marco Duran, project manager de Teixuapps, destaca a funcionalidade da ferramenta fronte a outros dispositivos xa que, segundo afirma, “todo o que existe no mercado neste sentido complementan dispositivos bastante caros e de grandes dimensións, moi específicos para casos moi particulares, e máis ben dirixidos a enfermos e persoas maiores”, engade.
Teixuapps será a firma responsable da realización do proxecto, do desenvolvemento da aplicación e da posterior comercialización unha vez rematada.