Creada unha aplicación galega de balde para coñecer o grao de cumprimento da LOPD na nosa empresa

mércores, 9 de maio do 2012 Raquel Noya

A lexislación sobre Protección de Datos (regulada mediante Lei Orgánica: LOPD) marca unha serie de límites á utilización de datos persoais que lle afecta á inmensa maioría das empresas do noso país, pero que só o 18% das mesmas a respecta como debería.
A empresa galega Alcatraz, nun intento por aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías para o cumprimento da LOPD por parte de empresas e autónomos (e evitar así as consecuentes multas), vén de crear a App Evalgest, unha aplicación en liña, de balde, que permite determinar se calquera empresa ou profesional cumpre coa Lei Orgánica de Protección de Datos e, en función das respostas, informarlle do grao de cumprimento e a contía real coa que sería sancionada ou sancionado.
Máis polo miúdo, Evalgest é un test que lle vai facendo unha serie de preguntas ao empresario ou empresaria en relación aos datos almacenados na entidade que representa, tales como teléfonos, currículums, datos sociais, económicos, financeiros ou de seguros dos traballadores...
O resultado do test obtense de inmediato, achegando a porcentaxe de incumprimento e a sanción que habería que pagar en cada caso.
Segundo informan dende esta entidade, calquera información que permita identificar a unha persoa (nome, apelidos, DNI, teléfono, dirección física ou electrónica, matrícula do coche, imaxe...) e que se recolla, por exemplo, mediante un formulario de alta de usuario ou cliente, se grave nunha aplicación informática, se conserve almacenada, se consulte, comunique ou permite o acceso a terceiras partes, xa se considera tratamento de datos persoais, e “está suxeita ao cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD)”.
Xa que logo, e en función de se dispón ou non dun sistema que garanta a protección desa información, engaden que “a broma pode saír por unha multa que vai dos 900 aos 600.000 euros”.

PUBLICIDADE