Crazy Taxi é a xoia que formará parte dos Xogos con Gold de febreiro

xoves, 25 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os subscritores de pagamento de Xbox LIVE poderán gozar de interesantes xogos sen custo adicional durante o mes de febreiro, que hoxe anunciou Microsoft, e entre so que destacan especialmente os títulos de Xbox 360 que, ao seren retrocompatibles, podemos gozar deles tamén en Xbox One.
Os Xogos con Gold de febreiro para Xbox One serían Shadow Warrior, título de acción en primeira persoa de Devolver Digital que saíu en 2014 como remake dun clásico de 1997, e Assassin’s Creed Chronicles: India, segunda entrega da triloxía Chronicles que introducía a esencia de Assassin’s Creed en mecánicas 2.5D, e que máis de un esperaba xa que en agosto de 2016 incluírase nos Xogos con Gold a súa anterior entrega.
Pero en febreiro destacarán os xogos de condución para Xbox 360, de xeito que durante a primeira quincena estará dispoñible para a súa descarga Split/Second, xogo de carreiras ambientado nun reality show televisivo no que os concursantes compiten nunah cidade construída para a súa destrución; o título da segunda quincena é aínda máis representativo, pois trátase do clásico de SEGA Crazy Taxi, con versións para numerosas plataformas, e que convídanos a ser taxistas contra-reloxo facendo tolerías mentres escoitamos música de The Offspring e Bad Religion, formacións de grande éxito cando o xogo estreouse en máquinas recreativas (1999).

Vídeo promocional dos Xogos con Gold de febreiro

PUBLICIDADE