Corunet intégrase en Sngular

mércores, 19 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

A empresa galega de desenvolvemento de software Corunet, comunicou hoxe a súa incorporación á tecnolóxica Sngular, dentro da estratexia de crecemento desta segunda. A integración de Corunet en Sngular foi posible grazas a que ambas compañías comparten valores e cultura empresarial, colocando ambas o talento tecnolóxico no centro da organización para así poder executar proxectos de innovación e transformación baseados na tecnoloxía.
Con esta operación A Coruña ten o segundo maior centro de talento de Sngular en España, confirmando o compromiso da empresa coa zona. Sngular ten actualmente 19 oficinas en 9 países.
Corunet fundouse no ano 2000, conta con grande experiencia no desenvolvemento de software para a integración de datos, canles de pagamento e sistemas críticos de alta dispoñibilidade en contornos de grande demanda en liña, ten a 134 persoas no seu equipo, concentra o seu traballo nun reducido número de clientes e nos últimos 5 anos conseguiu multiplicar por 6 a súa facturación.

PUBLICIDADE