Coruña Dixital encara o outono colaborando nunha manchea de actividades TIC de divulgación e debate

luns, 30 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A iniciativa Coruña Dixital, programa de actividades de divulgación e impulso TIC posto en marcha polo Concello, retoma esta semana a súa liña de actividade, que promete ser especialmente intensa esta tempada, amais de particularmente técnica e divulgativa. O programa, concibido por Coruña Dixital en colaboración coa ampla comunidade de colectivos tecnolóxicos da cidade, inclúe entre outras cousas unha nova edición do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, un máis que relevante espazo de traballo sobre Internet, narrativas populares, creatividade ou humor viral na Rede (estas foron algunhas das temáticas tratadas en profundidade nas anteriores edicións do laboratorio).
· A curto prazo, estes 4 e 5 de outubro celébrase na Facultade de Informática a primeira edición de AtlánticaConf, un evento creado de maneira conxunta por varias comunidades técnicas e no que colabora Coruña Dixital.
· A devandita actividade compleméntase co congreso TechLing, que, como se indica no seu nome, abriranos unha xanela ás principais novidades do momento en materia de tecnoloxías e ensino de linguas. As inscricións, lembra Coruña Dixital, están abertas ata o 4 de outubro.
· Por outra banda, o 9 de novembro a Domus vai acoller a oitava edición da Feira das Tecnoloxías Libres OSHWDem, que organiza a asociación Bricolabs. Trátase dun encontro maker e argalleiro aberto a todos os públicos, cunha morea de proxectos tecnolóxicos e moitos robots en competición.
· Amais, Coruña Dixital lembra que até o venres 4 de outubro os centros escolares poden inscribirse en A Coruña Educa, unha ampla oferta municipal de propostas orientadas a dotar ao alumnado de ferramentas e estratexias no eido dixital.
· A maiores, a asociación TADEGA celebra un congreso adicado á educación e á atención á diversidade, con presenza tecnolóxica nos obradoiros que ofrece aos seus participantes. A inscrición está aberta e ten desconto ata o 30 de outubro.

PUBLICIDADE