Convidan ás comunidades autónomas a sumarse á futura canle do Camiño de Santiago en Google Arts&Culture

luns, 6 de xullo do 2020 Redacción

A Consellería de Cultura e Turismo e a AMTEGA veñen de remitir ás Comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago o protocolo para adherirse a canle sobre a Ruta Xacobea que porán en marcha a Xunta e Google. Con este protocolo búscase formalizar a invitación que a Administración autonómica trasladou ás Comunidades no reunión do Consejo Jacobeo celebrada o pasado 4 de maio, para sumarse a iniciativa liderada por Galicia e colaborar na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago.
O Goberno autonómico e o xigante tecnolóxico están xa a definir as liñas de traballo desta colaboración que se considera estratéxica na proxección do Xacobeo 2021 e que se concretará na creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural do Camiño na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco.
Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural de Google, e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grande escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View.
Ata o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial. O seu papel como elemento vertebrador de Europa trasládase así a novas contornas que, como está a demostrar a actual crise sanitaria, é un ámbito privilexiado para o uso, consumo e desfrute cultural, así como un punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme.
Este foi un dos temas abordados nunha recente Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, celebrada a petición de Galicia e que serviu para avanzar na posta en común de medidas para a reactivación do Camiño de Santiago de maneira coordinada a nivel estatal.

PUBLICIDADE