Control e versatilidade na nova Panasonic LUMIX LF1

mércores, 24 de abril do 2013 Marcus Fernández

Panasonic está a ampliar a súa gama de cámaras compactas coa LUMIX LF1, unha prometedora cámara que ofrece unha grande versatilidade ao combinar un grande angular, un zoom óptico de 7,1x, un sensor MOS de 12,1 Mpíxeles, unha alta sensibilidade ISO e incluso conectividade Wi-Fi e NFC. Esta cámara é ideal para os que buscan calidade e control nunha compacta, para o que a cámara conta cun anel de enfoque na base do seu corpo para facilitar o control dos axustes frecuentes (como o zoom, a velocidade de obturación, a sensibilidade ISO ou os filtros creativos) e incluso conta cunha guía de composición para axudar ao usuario a conseguir a mellor composición da súa fotografía. Para facilitar o seu uso en distintos contornos, a súa pantalla LCD de 3 polgadas conta con axuste de brillo automático, pero cómpre destacar que este modelo tamén incorpora un visor electrónico de 0,51 centímetros, que facilita a realización de fotografías baixo unha luz solar intensa.

A LUMIX LF1 conta con Wi-Fi e NFC para facilitar a transferencia de arquivos en mobilidade e o seu control remoto

A LUMIX LF1 conta co popular POWER O.I.S. de Panasonic, estabilizador de imaxe que co seu modo activo consegue imaxes nítidas tanto en fotografías como en vídeo (que pode ser de ata 1920 x 1.080 a 50i en AVCHD e MP4), contando tamén cun sistema de enfoque automático rápido para capturar a escena no mesmo momento no que se preme o disparador.
No que respecta á súa conectividade, ao contar con Wi-Fi Direct é posible transferir as fotografías a un smartphone ou tablet en mobilidade, o que é especialmente doado no caso de contar cun trebello con NFC, de xeito que só habería que aproximar os dispositivos para realizar a transferencia nuns poucos segundos. Esta conectividade sen fíos tamén facilita o control remoto da cámara, tanto para a función de fotografía como para a de vídeo (de xeito que pode manexarse o zoom ou iniciar e parar a gravación mentres pode verse a imaxe rexistrada a distancia).

PUBLICIDADE