Consola de videoxogos portátil que emula plataformas de xogo de 8 e 16 bits

luns, 6 de abril do 2009 Marcus Fernández

Chinavision está a vender a Micro Game Station, tamén identificada coma CVFH-N03-4G, que é unha consola portátil realmente interesante por incorporar funcións de reprodución multimedia e emulación de vellas consolas de videoxogos e máquinas recreativas, que está á venda por só 64,77 euros, polo que resulta unha compra moi atractiva, xa que permite cargar milleiros de xogos clásicos.
Está consola portátil só mide 12,5 x 5,6 x 1,4 centímetros, ten unha pantalla de 2,8 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, 4 Gb de memoria interna ampliable con tarxetas miniSD, reproduce audio en múltiples formatos (MP3, WMA, APE e FLAC) e ten un soporte de formatos de vídeo realmente impresionante (AVI, MPEG, MP4, WMV, FLV, ASF, RM, RMVB e SWF), sintoniza e grava radio FM, conta con gravadora de voz, visualiza fotografías (JPEG, BMP, GIF e PNG), pode ler libros electrónicos (con función de Text-To-Speech), saída de vídeo PAL/NTSC, e no tocante á emulación, permite xogar a títulos de NES, SNES, Sega Mega-Drive, Game Boy Advance, Neo-Geo, recreativa Capcom (CPS1 e CPS2).
Parece demasiado bo para ser certo, pero hai que recoñecer que moitas destas funcións (e incluso máis) xa estaban dispoñibles en consolas como a GP2X, pero non a un prezo tan reducido, quedando sempre a dúbida da legalidade dun produto que emula o funcionamento de consolas de videoxogos clásicas das que carece de licenza.

A consola é tan válida para o xogo como para a reprodución multimedia

PUBLICIDADE