ConfirmSign recibe o primeiro Premio Onda Emprende pola súa innovación empresarial

martes, 5 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Entrega do Premio Onda Emprende nunha imaxe de Frankie Gómez

Para pór en valor a capacidade galega para abordar proxectos empresariais baseados na innovación, a creatividade e a tecnoloxía Onda Cero Galicia organizou o Premio Onda Emprende, que este ano celebra a súa primeira edición e que aspira a ser un escaparate para pequenas empresas e emprendedores que apostaron por unha idea orixinal que os sitúa en vangarda e os converte en tendencia.
Este galardón aberto a PEME e autónomos cun proxecto empresarial innovador entregouse esta tarde nunha gala celebrada no Salón de Actos do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña, sendo a compañía que recibiu o recoñecemento á súa iniciativa emprendedora a oleirense ConfirmSign, que recibirá un aval de ata 25.000 euros para acceder a financiamento bancario de SOGARPO, un bono-formación de 3.000 euros da Escola de Negocios NovacaixaGalicia e unha viaxe ao CERN en Xenebra, para coñecer o meirande centro de innovación do mundo. ConfirmSign xa recibira outros recoñecementos no pasado, como o Premio EGANET ao mellor proxecto innovador en 2010, o Premio EmprendedorXXI en Galicia en 2011, o Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial do sector TIC 2013 e o Premio INNOVA-G 2011 ao Mellor Emprendedor Galego (que recaeu en Frakie Gómez, fundador da compañía).

O Premio Onda Emprende súmase aos moitos recibidos por ConfirmSign nos últimos anos

PUBLICIDADE