Conexión Europa 4.0 achega obradoiros en liña para a mocidade dos concellos da Coruña

venres, 24 de xullo do 2020 Sonia Pena

O centro Europe Direct A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, organiza Conexión Europa 4.0, unha acción de dinamización e divulgación en liña dirixida á mocidade da provincia que xa conta coa colaboración dos concellos de Abegondo, Arzúa, Camariñas, A Coruña, Curtis, Dodro, Dumbría, Mugardos, Oroso, Pontedeume, Santa Comba e Vimianzo. O programa Conexión Europa 4.0 está aberta á participación mozos e mozas de 16 a 25 anos.
Será un espazo en liña de información e formación, onde a mocidade poderá coñecer as oportunidades de mobilidade que ten ao seu alcance na Unión Europea. Ademais de información sobre os recursos dispoñíbeis, coñecerán casos reais de entidades galegas que están participando activamente en proxectos de mobilidade europea, dos que a mocidade pode ser partícipe.
O obxectivo da Deputación, amais do devandito, é achegar “un espazo para a participación e o debate sobre cuestións actuais da axenda europea, como as fronteiras ou a desinformación, poñendo sobre a mesa o papel que a mocidade pode representar na construción do espazo público europeo”.
O programa desenvolverase do 27 ao 31 de xullo en horario de 11:00 a 12:00 e en formato integramente dixital. Toda a información está dispoñíbel no espazo web de Europa Direct.

PUBLICIDADE