Conectadas 2018 pon o foco na formación tecnolóxico-dixital para as mulleres

mércores, 27 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa Conectadas para o ano entrante, que unha vez máis, facendo honra ao seu nome, terá un dos seus piares directamente apoiados no ámbito dixital. Segundo fixo saber a entidade que preside Carmela Silva, Conectadas 2018 ten como obxectivo “potenciar a participación e a promoción das mulleres e favorecer as relacións interpersoais igualitarias, impulsando accións formativas e incorporando os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar”. A nova edición do programa, que pon o foco no plano formativo, ten un orzamento de 324.000 euros. Haberá cursos e obradoiros sobre múltiples cuestións, todas elas co nexo común de atesourar potencial para dotar as mulleres de ferramentas para “construír unha sociedade igualitaria”.
O programa convoca a participación de asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres. Cada acción formativa das 46 que se van ofertar conta con entre 20 e 25 prazas e todas elas deben ser realizadas ata o 31 de decembro de 2018. Todas elas terán unha duración media de 35 horas e deberán incluír, “de forma transversal entre os seus contidos”, o tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes e a sensibilización na igualdade de oportunidades. As accións formativas de Conectadas 2018 están distribuídas en oito bloques: Muller emprende, Muller e cultura: artes visuais, Actualízate, Coas túas mans, Porque ti o fas, Súmate ao cambio, Ponte en forma e Coidados persoais.
O bloque Muller emprende oferta accións formativas sobre iniciativas sustentábeis para o emprego na que se abordará de cuestións como a creación dunha empresa, a administración de redes sociais, o comercio electrónico, a asesoría laboral e fiscal e o adestramento. Pola súa banda, Muller e cultura proporcionará ás mulleres participantes nocións relacionadas coas artes visuais (fotografía, pintura, teatro, animación á lectura e memoria). Actualízate será o bloque máis especificamente centrado nas novas tecnoloxías, con formación sobre alfabetización dixital, sobre os cambios do papel ao ordenador así como sobre Internet, o correo electrónico e o manexo de tabletas. Amais, abordaranse cuestións relacionadas coa socialización a través das redes sociais.
O bloque Coas túas mans permitirá ás alumnas iniciarse no patchwork, no scarpbooking e realizar artesanía en coiro. No caso do denominado Porque ti o fas impartirase formación sobre poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade, xardinería e horta ecolóxica.
O bloque Súmate ao cambio centrarse en eidos como a cociña e a alimentación, a conservación de alimentos, a iniciación á costura, os coidados e a dependencia, o mantemento do fogar e a xestión doméstica, a bricolaxe e as reparacións, reciclaxe e educación en igualdade.
Tamén haberá bloques temáticos adicados á saúde persoal como Ponte en forma (no que se impartirán obradoiros de pilates, taichí, ioga, ximnasia de mantemento e sendeirismo), e de Coidados persoais (no que se abordarán cuestións relativas á menopausa saudábel, ao coidado, á relaxación e manexo do estres, á intelixencia emocional, ao benestar, así como risoterapia, musicoterapia e obradoiros de mindfulness).
As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia aínda que terán preferencia as mulleres. De feito, reservarase só o 25% do total das prazas para homes excepto no bloque de contidos Súmate ao cambio no que a participación pode ser mixta ao 50%.

PUBLICIDADE