Cómpre tomar precaucións para compartir décimos de lotaría por WhatsApp

martes, 5 de decembro do 2023 Redacción

Durante estas datas é tradicional a compra de Lotaría de Nadal, e ante as dúbidas sobre como compartir boletos a distancia dende o bufete coruñés Pinto & Salgado advirten dos problemas que supón que unha persoa se encargue de adquirir e gardar un décimo de lotaría e remitir a persoas cos que o comparte unha fotografía do mesmo a través de WhatsApp ou correo electrónico.
Noelia Montero, avogada do despacho coruñés especializado en dereito dixital asegura que «o xeito de compartir un décimo marcará a súa lexitimidade» lembrando que os boletos son documentos ao portador, polo que quen o poderá cobrar é quen o teña no seu poder, cambiando a situación só se hai outros documentos que demostren que se agasallou ou compartiu entre varias persoas.
Así, o consello de Montero é que, de querer compartir lotaría de xeito seguro, a persoa encargada podería entregar a cada persoa participante unha fotocopia asinada co seu DNI e nome, así como a información necesaria de cada participación. Isto mesmo podería realizarse a través de WhatsApp, pero en tal caso a imaxe de proba debería incluír «os datos do depositario e dos participantes, xunto coa contribución de cada un».
En calquera caso non se recomenda esta práctica agás en casos nos que existan relacións de confianza onde os datos son coñecidos e localizables.